A Deputación de Ourense presentará o proxecto "Smiley Water" na mesa de "Comunicación para o desenvolvemento e a cooperación" que terá lugar durante a celebración do 3º Foro da Comunicación de Galicia, o vindeiro mércores, 25 de novembro, en Expourense. Na presentación do evento estivo presente o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández e o director xerente de Expourense, Alejandro Rubín.
A Deputación de Ourense colabora no patrocinio deste foro co apoio do IGAPE e da Secretaría Xeral de Medios para "orientar aos titulados e especialistas en xornalismo, publicidade ou marketing a apostar polo emprendemento e o autoemprego, mediante proxectos relacionados coa comunicación", asegurou Rosendo Fernández, e engadiu "o desenvolvemento humano e tecnolóxico transformou a comunicación nunha actividade social básica que fai cultura e resulta imprescindible para os resultados económicos de calquera colectivo ou empresa".
"Smiley Water" é un proxecto de termalismo solidario do coro infantil do Colexio Padre Feijóo-Zorelle de Ourense que conta coa colaboración da Deputación de Ourense, Cruz Vermella e Expourense. O asesor de Comunicación da Deputación de Ourense, Fernando Rodríguez Méndez, exporá o que supón desde o punto de vista da comunicación levar a cabo este proxecto solidario a beneficio da infancia de países en conflito, sobre todo de Oriente Medio e Europa. A presentación incluirá unha conexión por vídeo-conferencia con delegados internacionais de Termatalia que participaron neste proxecto e co autor da banda sonora do mesmo, o produtor musical e cantante, Alejandro Abad.
O 3º Foro da Comunicación de Galicia é un punto de encontro para os profesionais vencellados ao mundo da comunicación, o márketing e publicidade que presentarán as iniciativas emprendedoras que actualmente se están a levar a cabo en Galicia así como, poñer de manifesto a importancia da comunicación realizada por expertos nas empresas. Alejandro Rubín que explicou o programa do foro agradeceu "a participación de todos os colectivos que forman parte da comunicación para falar de presente pero, sobre todo, de futuro".