Tapas con estrela, na antesala da Gala Michelin

O Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) celebrou hoxe o concurso “Tapas con estrela”, organizado por Turismo de Galicia no marco da programación especial celebrada arredor da Gala Michelin que terá lugar o próximo mércores 25 de novembro no Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela.

O xurado estivo formado polos cociñeiros galegos Estrella Michelin Julio Sotomayor, Fernando Agrasar e Manuel García dos restaurantes Nova, As Garzas e Retiro da Costiña respectivamente e o profesor do CSHG Roberto Walther.

Ademais, o acto contou tamén coa presenza da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e doutros cociñeiros Estrella Michelin e do Grupo Nove como Alberto Villasante do restaurante Paprika, Roberto Balado do O Balado ou Iñaki Bretal de O Eirado da Leña.

Durante a celebración, a directora de Turismo de Galicia destacou que a gastronomía constitúe unha das principais fortalezas de Galicia sendo a segunda motivación pola que os turistas elixen a nosa comunidade como destino. Nava Castro afirmou a presentación da guía Estrella Michelin converterá a meta do Camiño de Santiago no epicentro  da restauración de alto nivel.