Turismo de Galicia participa na feira International Luxury Travel Marke

Turismo de Galicia participa este ano por primeira vez na feira International Luxury Travel Market (ILTM), que se desenvolve ata o vindeiro día 3 de decembro na cidade francesa de Cannes. Trátase do principal mercado turístico mundial especializado na oferta relacionada coas compras e os produtos especiais, onde Turismo de Galicia fará especial fincapé na promoción de ‘Viños e camelias’, a gastronomía e as posibilidades que ofrece a Comunidade galega para o turismo de compras.

Así mesmo, nesta feira levaranse a cabo entrevistas personalizadas cos operadores turísticos especializados, de xeito que os representantes de Turismo de Galicia manterán preto de 50 xuntanzas de traballo ao longo dos catro días de feira.

Dentro do ámbito deste certame, un dos produtos turísticos galegos que máis se adapta é ‘Viños e camelias’, unha combinación de enoturismo coa ‘Ruta da camelia’, onde os visitantes poden visitar os mellores pazos e os mellores xardíns da Comunidade galega, xunto con catas e degustacións de viños con denominación de orixe. Ademais, Turismo de Galicia promoverá a gastronomía galega de calidade, a artesanía e as posibilidades que ofrece a Comunidade galega para realizar compras.