O Concello de Lugo programou unha serie de actividades para
conmemorar o XV Aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade,
declaración que tivo lugar o 30 de novembro do ano 2000. A ampla e variada
programación arrancará este sábado e prolongarase ata o 8 de decembro.
A concelleira Carmen Basadre
asegurou que “a declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade contribuíu
ao auxe do turismo en Lugo”. Neste senso lembrou os datos
turísticos rexistrados este ano na Oficina Municipal de Turismo, “o mellor ano
turístico internacional e o mellor verán da historia da nosa cidade”, afirmou Basadre.
A Concelleira fixo un chamamento á Xunta
de Galicia, responsable do mantemento deste Ben Mundial, para que proceda á súa
limpeza, “o noso sinal de identidade e un patrimonio único no Mundo”, tal e
como o definiu Basadre, “posto que Lugo histórica e patrimonialmente é unha das
cidades máis importantes de Galicia”.
Entre as actividades programadas durante esta fin de semana, a
Taberna Daniel, restaurante Antas, Curruncho A Nosa Terra, Arrocería Os
Cachivaches, a parrillada Porta Santiago, o restaurante Campos e o Mesón de Alberto ofrecerán menús con prezos especiais dedicados á Muralla.