A Comunidade galega pechará o ano 2015 cun total de 274 establecementos e servizos turísticos certificados co distintivo ‘Q’ de calidade turística, ocupando o primeiro lugar de España en número de hoteis e apartamentos turísticos, con 62 aloxamentos certificados, e casas de turismo rural, con 42 certificacións.
Dentro destas distincións outorgadas polo Instituto de Calidade Turística de España (ICTE), a Comunidade galega tamén lidera no ámbito estatal os segmentos de balnearios, instalacións náutico deportivas, turismo activo, ocio nocturno e turismo industrial; ademais de ser a segunda con máis axencias de viaxes certificadas, de xeito que Galicia é o segundo territorio con máis establecementos certificados, logo de Andalucía.
Polo que respecta ao volume total de establecementos que contan co ‘Q’ de calidade turística, Galicia rexistra un incremento sostido desde o ano 2003, cando se rexistraron 13 certificacións, e que este ano conta con seis establecementos máis que en 2014.
Canto aos segmentos de establecementos e servizos turísticos certificados co ‘Q’ de calidade turística, Galicia conta con 42 aloxamentos rurais, sete balnearios, dous cámpings, 62 hoteis e apartamentos turísticos, 12 instalacións náutico-deportivas, dous locais de ocio nocturno, tres oficinas de información turística, dous pazos de congresos, 16 praias, 66 servizos de restauración, 41 servizos turísticos de intermediación (axencias de viaxes), tres empresas de turismo activo e 16 instalacións de turismo industrial.