A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, destacou a importancia das feiras e festas gastronómicas para a economía local do rural galego en xeral e de modo particular para a posta en valor dos produtos agroalimentarios da nosa Comunidade.
A conselleira asistiu en Vila de Cruces á XVI Feira de Nadal do Galo de Curral e exaltou o labor deste tipo de iniciativas na dignificación e promoción do sector agrogandeiro galego. Nesdta feira vendéronse uns 400 galos a un prezo que oscilou entre 10 e 14 euros o quilo.
Na súa intervención, a titular de Medio Rural salientou tamén que esta feira reúne varios eventos dentro dun. Así, por unha parte celébrase a Exposición Nacional de Razas Autóctonas, que vai pola súa terceira edición e reúne máis de 150 exemplares de diferentes razas de aves vivas procedentes de toda España. E por outra banda, Vila de Cruces acolle a II Xornada Culinaria de Ecogastronomía, que permite difundir as bondades do Galo de Curral a través de diferentes receitas elaboradas por recoñecidos cociñeiros galegos.
Ángeles Vázquez dixo que esta ave –o Galo de Curral– é unha peza moi apreciada desde o punto de vista gastronómico “e máis nestas datas de Nadal”, tendo en conta que se alimenta de maneira natural durante un mínimo de nove meses, posúe unha carne de gran calidade, sen apenas graxa, e ten un intenso sabor e unha textura firme.