De acordo cos datos que acaba de facer públicos o Instituto Nacional de Estatística (INE), a Comunidade galega lidera o
crecemento turístico estatal ao longo dos 11 primeiros meses do ano e acada un
máximo histórico de viaxeiros ao rexistrar neste período un total de 4.384.332
viaxeiros rexistrados nos seus establecementos turísticos regrados.
Porcentualmente, nos 11 primeiros meses do ano
2015, a cifra de viaxeiros aloxados subiu un 12,1%, case o dobre que a media
estatal, e o número de pernoitas medrou un 8,5%, acadando case 8,85 millóns de
noites neste período.
Nestes 11 primeiros meses de 2015, obsérvase
un comportamento positivo dos dous grandes segmentos de mercado, contribuíndo
ambos os dous ao crecemento xeneralizado da demanda.
Así, sobe o turismo nacional nun 7% no tocante
ás pernoitas e nun 9,9% no que atinxe ao números de viaxeiros. Este resultado
positivo leva a que en termos de viaxeiros, o turismo nacional acade a cifra
máis elevada dos últimos cinco anos, con 3,14 millóns. Acumula tres anos
consecutivos de crecemento da demanda procedente do conxunto do Estado.
No eido do turismo internacional, este
increméntase nun 13,8% no tocante ás pernoitas e os viaxeiros soben nun 17,9%.
Esta mellora supón que o mercado internacional en Galicia, tanto no que atinxe
a viaxeiros como a pernoitas, rexistre nestes 11 primeiros meses do ano un
máximo histórico, con preto de 1,24 millóns de viaxeiros e 2 millóns de
pernoitas.
Estas cifras outorgan tamén un máximo
histórico no peso do mercado internacional, que supón o 28,4% dos viaxeiros e o
22,7%das noites.