Máis de trinta concellos galegos incorporáronse xa á campaña de promoción do leite galego de calidade diferenciada baixo o selo Galega 100% que impulsa a Consellería do Medio Rural. Deste xeito os entes locais súmanse aos esforzos de promoción que está levando a cabo a Xunta para fomentar o consumo deste leite entre os consumidores. Coa incorporación destes municipios, e doutros que se van sumando progresivamente á campaña, ponse en valor a importancia desta promoción como apoio ao lácteo galego, co obxectivo xeral de impulsar e fomentar o sector agroalimentario de Galicia.
En Galicia hai moitos concellos con intereses leiteiros, polo que as entidades locais teñen moita capacidade para promocionar esta marca entre a súa veciñanza e, deste xeito, contribuír a mellorar os beneficios económicos dos produtores de leite e o seu nivel de vida. Por este motivo, a Xunta deseñou unha ampliación da campaña Galega 100% adaptada ás entidades locais que desexen voluntariamente sumarse e apoiar ao sector, co obxecto de xuntar esforzos e de evitar unha multiplicidade de mensaxes e marcas diferentes. Así, a Consellería do Medio Rural pon á súa disposición o deseño do material promocional totalmente de balde, para que desde os municipios o reproduzan da maneira que desexen e que consideren axeitada.
Esta acción promocional da man dos concellos complementa as actividades levadas a cabo por toda Galicia pola propia Xunta. Entre elas cómpre destacar as charlas divulgativas sobre a marca dirixidas a asociacións de amas de casa, consumidores e usuarios; diversas visitas a explotacións de vacún de leite e reparto de minibricks en eventos deportivos e feiras agroalimentarias.
Galega 100% identifica o leite e os produtos lácteos de calidade diferenciada elaborados con materia prima galega, feitos e envasados na nosa Comunidade. A materia prima que se emprega nestes produtos procede exclusivamente de explotacións leiteiras inscritas no Rexistro de Explotacións de Calidade Diferenciada.