A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, reuniuse en Ponteareas cos alcaldes da comarca pontevedresa do Condado-A Paradanta para presentar A Ruta da Lamprea, un novo proxecto turístico que implica a sete concellos da ribeira deste río e que está previsto que xa estea dispoñible na próxima temporada de pesca.
Segundo explicou Nava Castro, con esta ruta darase a coñecer o importante patrimonio que rodea a este peixe e a súa captura, “desde as artes de pesca como as pesqueiras ou as estacadas, ata os lugares de interese natural e cultural, como miradoiros, paseos, pontes ou capelas”, entre outros elementos que a compoñen.
A directora de Turismo de Galicia considerou que, no seu conxunto, a Ruta da lamprea constitúe un importante produto turístico que virá a ampliar, non só a oferta turística destes concellos, senón tamén da Comunidade galega en xeral, a partir dun recurso endóxeno como é este peixe tan característico do curso baixo deste río.
Nesta xuntanza cos alcaldes do Condado-A Paradanta, Nava Castro lembrou tamén os acordos asinados entre Turismo de Galicia e os concellos de Salvaterra do Miño e Arbo, co fin de acondicionar a contorna e rehabilitar diferentes pesqueiras, de xeito que poidan recuperar a súa forma construtiva orixinal, así como o seu funcionamento e, “deste xeito, ampliar e mellorar a imaxe turística deste territorio”.