Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) publicados no día de hoxe, no pasado mes de novembro Galicia experimentou un incremento do 5,8% na cifra de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros, rexistrando un total de 197.661. Trátase do cuarto ano consecutivo no que Galicia rexistra un incremento dos niveis de viaxeiros aloxados en hoteis no mes de novembro.
En termos de mercado, a Comunidade galega rexistrou un comportamento homoxéneo nos tres grandes segmentos, con incrementos de diversa intensidade. Dunha banda, o turismo interno -aquel que corresponde aos residentes en Galicia- rexistrou un incremento dun 2,3% en relación ao ano pasado. O turismo receptor nacional -españois procedentes do resto de España- subiu nun 3,2% acadando un total de 88.802 viaxeiros.
Pola súa parte, o turismo internacional continuou a senda de crecemento dos últimos anos marcando novamente un máximo histórico en Galicia neste mes de novembro con 37.161 viaxeiros aloxados e 64.920 pernoitas, superando estas cifras nun 21% e 12,9%, respectivamente, os niveis do pasado ano. Estes datos supoñen que o mercado internacional representase neste pasado mes o 18,8% do total dos viaxeiros e o 17,5% das noites hoteleiras de Galicia.
En canto aos niveis de ocupación do sector hoteleiro, Galicia rexistrou tamén unha mellora en relación ao pasado ano, ao incrementarse a mesma en 0,10 puntos porcentuais. Tamén as tarifas hoteleiras en Galicia subiron no mes de novembro, nun 4% neste caso.