O Grupo de Acción Costeira da Costa da Morte (GAC 3) realizou 51 proxectos para a dinamización do litoral, cun investimento próximo aos 8 millóns de euros, dos que preto de 5 foron aportados pola Xunta de Galicia. Estes datos foron facilitados pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, durante o acto de presentación do proxecto Costa da Morte, Vívea, Vívela, Experience it, promovido por este GAC.
A conselleira subliñou que co proxecto Costa da Morte, Vívea, Vívela, Experience it, o GAC 3 “dá un salto cualitativo na dinamización económica no seu ámbito de actuación, que abrangue 9 concellos costeiros”, xa que é un traballo coordinado que deu como resultado unha oferta turística “que se estende a empresas e entidades que contribuirán a enriquecer o proxecto e a ampliar a oferta”.
Neste sentido, sinalou que “a participación de 47 empresas que xa formalizaron un contrato dá unha idea do interese e atractivo suscitado por esta iniciativa, non só entre os provedores e axencias locais, senón tamén entre touroperadores e axencias foráneas”.
Engadiu ademais que esta proposta “achegará ao turista á xente, á artesanía, ao patrimonio, á gastronomía e á natureza da nosa costa” e púxoa como exemplo da dinamización costeira exercida polos Grupos de Acción Costeira. Neste sentido, lembrou que nestes seis anos os GAC contaron con máis de 330 entidades participantes, que levaron a cabo máis de 400 proxectos cun investimento da Administración Autonómica de 23 millóns de euros. Isto permitiu a creación de 250 postos de traballo, engadiu.
O Grupo de Acción Costeira GAC3 Costa da Morte abarca os concellos da Laracha, Carballo, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Laxe, Vimianzo, Camariñas e Muxía. Co proxecto Costa da Morte. Vívea. Vívela. Experience it este grupo contribúe, a través de 8 experiencias turísticas, á unión e difusión baixo un mesmo paraugas de toda a oferta turística e cultural xa creada na Costa da Morte.