O Concello de Lugo mantén aberta á participación cidadá a elaboración dunha candidatura para conseguir novos fondos europeos para a cidade a través da convocatoria do programa de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado (DUSI), financiado polos FEDER.
O obxectivo desta convocatoria é aproveitar os recursos históricos e medioambientais da cidade para impulsar o seu desenvolvemento e proxección.
Co fin de que os cidadáns e cidadás participen na definición dos retos, problemas, prioridades e liñas de actuación a contemplar no proxecto que concorrerá aos fondos europeos, e de que o poidan facer dunha maneira rápida e sinxela, o Concello colgou unha enquisa na súa páxina web –www.lugo.gal-, que dende hoxe mesmo poden cubrir e enviar vía on line, ata o vindeiro xoves, 31 de decembro.
Un equipo de traballo, xa constituído, elabora dende hai semanas a candidatura que o Concello presentará ao DUSI. Farao antes do 13 de xaneiro, tras aprobala na Xunta de Goberno local, sen necesidade de que pase polo Pleno.