Santiago celebra o 30º aniversario como Patrimonio da Humanidade o 29 de decembre

O Concello vai celebrar o 30º aniversario da declaración de Santiago como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, cun acto que se celebrará o martes 29 de decembro no Centro Galego de Arte Contemporánea. 

Entre os protagonistas, o que fora alcalde de Santiago en 1985, Xerardo Estévez, que pronunciará unha conferencia titulada "Cidade histórica e Camiño, un mesmo porvir". Ademais, están previstas as intervencións do alcalde compostelán, Martiño Noriega, e dos voceiros da oposición: Rubén Cela (BNG), Paco Reyes (PSOE) e Agustín Hernández (PP). O acto, que se quixo afastar da campaña electoral, foi consensuado pola Xunta de Voceiros, para deixalo á marxe de debates partidarios. A el está invitada a cidadanía en xeral, pero sobre todo os representantes do tecido asociativo da Cidade Histórica.

O alcalde explicou que o acto está concibido coma "un exercicio de memoria e unha rendición de contas, pero tamén como un momento no que enfocar novos retos para os vindeiros anos". Para Martiño Noriega, eses novos retos pasan por ter unha cidade vivida, porque "de nada vale ter unha cidade moi bonita, se non é habitada polas persoas". Nesa liña, o concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade lembrou que a Cidade Histórica perde cada ano un 1% dos seus habitantes. Jorge Duarte insistiu en que "a zona vella non pode estar pensada para os turistas, e por iso o obxectivo do Goberno é garantir o seu uso residencial, mellorando a calidade de vida dos seus veciños". O edil entende que nestes 30 anos xa se conseguiu divulgar o valor do patrimonio, e "agora toca entender que tan importantes como as pedras son as persoas".

O acto do 29 de decembro enmárcase nunha campaña que leva por lema "Santiago no corazón, os corazóns de Compostela", en referencia ás persoas que teñen que "vivir" a nosa cidade, sobre todo a parte histórica. Ao seu abeiro, o Concello vai remitir aos domicilios unha publicación na que se fai unha relectura destes 30 anos desde a declaración de Compostela como Patrimonio da Humanidade, con textos asinados polo alcalde e polos voceiros dos catro grupos da corporación municipal.