O Entroido contribúe a ampliar a oferta turística, a gozar da gastronomía característica desta época do ano e a poñer en valor o territorio desde outras perspectiva, potenciando actividades como o turismo activo, o enoturismo ou o turismo cultural e urbano.
Así o dixo a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, na Feira Internacional de Turismo de Madrid, Fitur e engadeu que “o Entroido convértese nunha cita anual que convida ao descubrimento dos recursos gastronómicos, culturais e paisaxísticos dun territorio ou ben unha magnífica actividade complementaria para unha estadía en Galicia”, afirmou.
O Entroido en Galicia conforma unha tradición popular, vivida sobre todo polos veciños, pero tamén por todos aqueles que ano tras ano se achegan a descubrilo pola súa riqueza, a súa vistosidade e o seu acervo, que fan que estas celebracións atraigan un grande número de asistentes e participantes cada ano.
A directora de Turismo de Galicia lembrou na súa intervención en Madrid que Galicia conta con oito entroidos declarados como festas de interese turístico e son máis de 175 os concellos que decretan festivo o luns ou o martes de Entroido. Os de Xinzo e Verín foron declarados festa de interese turístico nacional en 1997 e no ano 2000, respectivamente.
Nun breve percorrido por estas festas, destacan os de Viana do Bolo, o Entroido de Laza, o Folión Tradicional do Entroido de Manzaneda, o Entroido de Maceda, o Entroido de Cobres e o Entroido do Ulla, tamén coñecido como Entroido dos xenerais