A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou a programación para todos os públicos que o Concello de Lugo organiza para o entroido 2016. “Trátase dunha ampla oferta de actividades, dende actuacións musicais e teatro a concursos de disfraces e de ferretes, unha feira de produtos típicos, degustación de filloas ou unha ludoteca infantil”, subliñou Basadre.
A edil fixo fincapé no esforzo e traballo do Concello para que todos os veciños e veciñas poidan gozar da alegría que caracteriza ao entroido, ao tempo que destacou as numerosas actividades –unha trintena- que se reparten por toda a cidade dende o xoves 4 ao mércores 10 de febreiro. Neste senso, Basadre convidou a todos os lucenses e visitantes a participar no entroido.
Lois Pérez Díaz será o encargado de ler o pregón do entroido na Casa do Concello o sábado 5 ás 20:00 horas. Entre outras actividades, a Praza da Soidade, acollerá, a Feira de Produtos Típicos do Entroido e domingo 7 unha degustación de filloas. A xornada contempla diversas actuacións musicais así como un baile de entroido no Mercado Municipal de Abastos