depourense.es |
O presidente da coordinadora da "Festa da Istoria" de Ribadavia, Miguel García, mantivo unha reunión co presidente da Deputación de Ourense, para solicitar o apoio da institución provincial para este evento.
Manuel Baltar amosoulle novamente o compromiso do goberno provincial "cunha das celebracións etnográficas máis importantes de Galicia, e para elo levaremos na modificación de créditos prevista para este ano 2016 o apoio para que esta festa siga a ser un referente e forme parte dese circuíto cultural da nosa provincia que pon en valor as nosas tradicións e a nosa historia", afirmou Manuel Baltar.
De feito, a "Festa da Istoria" recorda, ano tras ano, a historia da vila de Ribadavia e a súa contorna, achegando as tradicións e vivencias de épocas pasadas, nunha recreación medieval onde se representan as distintas culturas, relixións, oficios e clases sociais da época medieval. A recuperación deste evento foi un esforzo da xa desaparecida "Escola Taller de Santo Andrés", e a súa testemuña foi recollida polo pobo, que, representado por unha coordinadora veciñal, segue desenvolvendo esta actividade todos os anos, contando para iso cun gran número de voluntarios.
A "Festa da Istoria" ten acadado importantes recoñecementos de ámbito rexional, estatal e internacional, entre os que figuran a "Declaración de Interese Turístico Nacional" ou o Premio "Canle da Historia".