O Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG) pon en marcha o concurso Desafío Hotel Management, unha competición destinada aos estudantes galegos de primeiro e segundo de bacharelato con vocación cara ao sector hostaleiro e restaurador.
Neste desafío hoteleiro os mozos galegos participantes converteranse nos donos dun hotel virtual encargándose da súa xestión nunha competición na que, ademais de aprender, poderán demostrar os seus dotes emprendedores e de xestión.
Mediante esta nova iniciativa de Turismo de Galicia a prol da formación os participantes poderán experimentar en primeira persoa a aventura de xestionar un hotel virtual, probando as súas habilidades, os seus coñecementos, a súa capacidade de traballar nun equipo e fomentando a súa vocación emprendedora.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou na presentación do desafío que o Centro Superior de Hostalería de Galicia é distinguido no ámbito da formación turística polo seu marcado carácter práctico e profesional. “A diferenza de moitos outros centros e titulacións que ofrecen graos e diplomas na área turística e de administración empresarial, centradas nun enfoque académico e onde a teoría constitúe o núcleo dos seus ensinos, este Centro ofrece titulacións plenamente orientadas ao exercicio profesional”, explicou.