Turismo de Santiago, Hostalería Compostela, a Cámara de Comercio e a Catedral asinaron un acordo polo que o Botafumeiro da Catedral de Santiago funcionará todos os venres do ano, na misa do peregrino que se celebra ás 19:30 horas.
Turismo de Santiago, Hostalería Compostela e a Cámara de Comercio financiarán con 4.000 euros cada unha esta iniciativa bautizada como "Homenaxe ao peregrino", que recibirá á Catedral, en concepto de taxas polo servizo de funcionamento do Botafumeiro.
A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, explicou que, para o seu Departamento, "este é un xeito de garantir máis pernoctas en Compostela, sobre todo cara á fin de semana". A edil lembrou que este é o cuarto convenio anual que se asina con este obxectivo, e apostou por manter a colaboración entre os distintos sectores da cidade para lograr unha maior desestacionalización turística, e tamén para lograr os mellores resultados turísticos cara ao Ano Santo de 2021.
Pola súa banda, o administrador da Catedral de Santiago, Gonzalo García, salientou que por primeira vez neste convenio se inclúe "a creación dunha Comisión Mixta na que van estar representadas todas as entidades asinantes, e que analizarán outras posibilidades de colaboración entre as partes".
O convenio foi asinado polo alcalde e presidente de Incolsa, Martiño Noriega; a presidenta de Hostalería Compostela, Sara Santos; o presidente da Cámara de Comercio, Jesús Asorey; e o administrador da Catedral de Santiago, Gonzalo García.