Turismo de Galicia participa ata o vindeiro venres 26 de febreiro na XXV edición da feira Vitrina Turística ANATO, o principal certame do sector turístico que se celebra na capital de Colombia, Bogotá, e un dos máis importantes da América hispana.
Nesta ocasión, o departamento de Turismo da Xunta de Galicia disporá dun recinto propio dentro do stand de España desde o que promoverá os recursos, produtos e servizos turísticos da Comunidade galega.
Como reforzo da promoción turística de Galicia en Colombia, a directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, participará nunha xuntanza de traballo cos principais operadores turísticos do país co obxectivo de tomar contacto cos empresarios do sector e propoñerlles a organización de viaxes cara a Galicia atendendo ás distintas especialidades turísticas.
Cómpre subliñar que os cidadáns colombianos xa non precisan de visado para visitar España polo que a presenza de Galicia neste certame adquire maior transcendencia, nun mercado emerxente dentro dun país de máis de 48 millóns de habitantes.