A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, vén de manter nas últimas semanas unha rolda de contactos coas principais industrias lácteas que operan en Galicia, na que conseguiu que a meirande parte delas se comprometan a recoller este ano, cando menos, o mesmo volume de leite que o recollido no 2015.
Ángeles Vázquez felicítase polo compromiso acadado, posto que contribuirá a aportar unha maior seguridade ao sector produtor nun momento en que a Xunta é consciente do escenario complexo, cun gran aumento da produción fronte a un descenso do consumo. Por iso, esta rolda de encontros cos representantes industriais centrouse en solicitar responsabilidade a estes axentes da cadea de valor, coa finalidade de darlle estabilidade a un sector tan estratéxico como é o lácteo para Galicia.
As industrias lácteas que operan en Galicia e que amosaron a súa disposición a manter a recollida de leite son: Queserías Entrepinares S.A.U., Grupo Leche Río S.A., Grupo Lactalis (neste caso, o grupo garante a estabilidade dos volumes baseada na media das entregas dos últimos dous anos), Nestlé S.A., Grupo Danone, Celega S.L., Reny Picot, Corporación Alimentaria Peñasanta S.A., Feiraco S.C.G., Iparlat S.A., Logística Alimentaria S.L. e Leche Celta S.L., entre outras. Trátase das industrias que recollen o maior volume de leite na nosa Comunidade.