Turismo de Galicia destina 300.000 euros á promoción de Festas de Interés Turístico Galego

Turismo de Galicia destinará este ano 300.000 euros a promover as festas de interese turístico autonómico a través dunha liña de axudas á que poderán optar todos os concellos que organicen celebracións deste tipo ao longo do ano 2016.

Estas axudas teñen por obxecto sufragar parcialmente os investimentos directamente vinculados ao apoio, promoción e difusión das festas declaradas de interese turístico de Galicia, 101 na actualidade, e non poderán ser obxecto de subvención as celebracións, que ademais da declaración de interese turístico autonómico, conten coa declaración de festa de interese nacional ou internacional.

Neste ámbito, Turismo de Galicia asinou un convenio de colaboración coa entidade financeira Abanca para o apoio é promoción e difusión das festas declaradas de interese turístico na Comunidade galega.

Así, segundo este acordo, Abanca comprométese a contribuír ao desenvolvemento das festas de interese turístico mediante a realización dunha achega económica en concepto de colaboración ás entidades públicas ou privadas promotoras das festas.


De estar interesados en beneficiarse deste convenio, as entidades organizadoras deberán indicalo na súa solicitude e a entidade financeira achegaría para a promoción da festa unha cantidade de 1.500 euros, polo que estarían obrigadas a incorporar na súa publicidade o distintivo corporativo de Abanca nun lugar visible e destacado xunto coa imaxe de Turismo de Galicia.