Viaxe de familiarización de Gardens from Spain

O operador turístico ‘Gardens from Spain’ realiza estes días unha viaxe de prospección á Comunidade galega co obxectivo de recadar información sobre o destino Galicia para organizar viaxes especializados á Comunidade galega.

Neste sentido, o director de ‘Gardens from Spain’, que xa inclúe a Ruta da Camelia nos seus plans a través do programa ‘Camelias en flor e pazos galegos’ , visitou entre os días 18 e 21 de febreiro a Ribeira Sacra como destino para futuras viaxes deste organizador especializado en xardíns e paisaxes.

O responsable deste operador turístico visitou a cidade de Ourense, Santo Estevo de Ribas de Sil, Ferreira de Pantón, Parada de Sil, Allariz e Celanova, para coñecer as paisaxes deste territorio, a súa gastronomía e o seu patrimonio.

‘Gardens from Spain’ é unha recoñecida axencia dedicada a organizar viaxes a medida, especializada en tours para os amantes dos xardíns, da natureza e da cultura en todas as súas vertentes. Cunha experiencia de máis de 15 anos organizando eventos, visitas, viaxes, cursos e conferencias, ‘Gardens from Spain’ fai tamén un intenso labor de divulgación e achegamento da arte da xardinería á cidadanía.

Por outra parte, entre os días 16 e 23 de febreiro, a redactora xefe e un fotógrafo da revista rusa Arte visitaron Galicia para coñecer o patrimonio do Camiño de Santiago e da cidade de Compostela. Coa información recadada, Arte publicará unha reportaxe centrada nos elementos artísticos da Catedral, como o Pórtico da Gloria, o Altar maior ou o Botafumeiro, así como os valores culturais do Camiño de Santiago.