Ángeles Vázquez sinalou que son este tipo de proxectos empresariais os que se necesitan para crear emprego, xerar valor e fixar poboación. Por iso, agradeceu aos representantes do Consello Regulador o seu traballo e as súas iniciativas de cara ao futuro, dado que os portavoces explicaron os proxectos previstos para os próximos meses. Entre eles, un relacionado co enoturismo e outro formativo para especializarse na cultura do viño e a súa vertente profesional.
O Consello Regulador do Ribeiro pretende ademais mellorar a xestión e manter os altos estándares en todos os eidos da cadea de valor para ser competitivos no mercado, sempre apostando pola innovación e a especialización. A nivel comercial, seguirán potenciando as ventas tanto en Galicia como no resto de España, sen renunciar a un desenvolvemento sostido e constante no eido internacional.
Neste camiño, Vázquez comprometeu o apoio da consellería, como se vén facendo con todas as denominacións de orixe. No caso concreto do Ribeiro, no ano 2014 percibiu 500.000 euros tanto para o funcionamento, como control e promoción do produto.