Un total de 32 expositores participan ata o próximo domingo XXVI Mostra do Encaixe de Camariñas, un encontro que xa se converteu nun referente para o sector e que agora se consolida como punto de encontro para os emprendedores artesáns.
En concreto, a Mostra conta coa participación de 14 expositores internacionais procedentes de 12 países (Alemaña, Inglaterra, Bélxica, Bulgaria, Estonia, Francia, Italia, Polonia, Portugal, República Checa, Rusia e Suíza); aos que se engaden 18 de expositores de encaixe nacionais.
A Mostra, que conta cada ano co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria, consolídase como punto de encontro para emprendedores artesáns, apostando pola innovación sen perder as raíces e os valores que caracterizan ao produto artesán galego. Así, o programa de actividades inclúe desfiles coas creacións de 30 deseñadores noveis e a colaboración de firmas de moda de recoñecido prestixio como Devota & Lomba ou Ana Cabranes.
Ademais do encaixe, nesta XXVI Mostra do Encaixe de Camariñas atópanse outros oficios da artesanía galega, repartidos polos puntos de venda de artesáns xoieiros, téxtiles, do vidrio e de bixutería.