Manuela Couso, cultivadora e concursante procedente de Cuntis, recolleu esta mañá o Premio Camelia de Ouro do LII Concurso/Exposición Internacional da Camelia. Este é o máximo galardón da mostra e entrégase á concursante que presenta o conxunto de variedades máis destacado en canto ao número e á calidade das flores. Nesta edición, Manuela Couso, que ten unha colección de 900 variedades que foi engrosando ao longo de máis de 20 anos, presentou a concurso un conxunto de máis dunha vintena de especies e castes, con flor tanto grande como pequena, e que incluía variedades de reticulata, japónicas e híbridas. Pola súa banda, o gañador do Premio Antonio Odriozola, Eusebio López Redondo procede de Fene e presentou unha flor da especie Camellia Híbrida Nitidissima, do cultivar 'Honeymoon'. Este premio outórgase á flor individual máis descatada.
Nesta edición do concurso concorreron 54 expositores e expositoras procedentes de 27 concellos, Fixeron entrega dos galardóns todas as persoas que formaron parte do xurado -Gilberto Moldes, José Manuel Vila, Pilar Vela, Carmen Salinero e Begoña Franco-, o deputado provincial David Regades, o concelleiro do concello de Pontevedra, Alberto Oubiña, a propia deputada da EFA, Eva Vilaverde, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, que fixo entrega do máximo galardón. Durante a súa intervención, Carmela Silva destacou que "a camelia xa ten un enorme atractivo en si, e con esta mostra quixemos que se adaptara mellor aos tempos e aos aires doutras cidades europeas que celebran importantes mercados de flores".
Alumnos do ciclo de cociña do Carlos Oroza e o chef Iñaki Bretal mostraron en directo creacións culinarias concibidas especialmente para este evento. 'Crumble' de camelia, caramelos de brotes de camelia, ou unha mousse de pétalos de camelia foron algunhas das sobremesas que protagonizaron o showcooking que congregou a numeroso público. Este showcooking, que foi a actividade estrela da tarde da última xornada do LII Concurso/Exposición Internacional da Camelia, serviu para poñer en valor as calidades da camelia como ingrediente culinario, ben directamente como flor, ben como infusión, como té, ou a través de aceite.