O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, supervisou onte o arranque das obras de reparación das canalizacións e asfaltado da Ronda da Muralla, na que o Concello inviste 208.000 euros.
Trátase dunhas actuacións de mellora no tramo comprendido entre a rúa San Roque e a Praza Bispo Odoario, que se realizarán en varias fases para poder garantir a mobilidade, tanto de vehículos como de peóns. Deste xeito, estableceranse tres tramos, o primeiro entre a Rúa San Roque e a metade da Praza Asturias, o segundo entre a outra metade da Praza Asturias e a Avenida da Coruña e un terceiro entre a Avenida da Coruña e a Praza Bispo Odoario.
Tal e como deu a coñecer o edil, as obras, que se iniciaron coa súa pertinente sinalización ás 08:00 horas, acométense neste mes para asegurar a mobilidade e a circulación fluída de cara o período estival e de cara a acoller a Volta Ciclista a España. Ao longo das actuacións, que contan cun prazo de execución de dous meses, garantirase ao menos un carril de circulación libre para vehículos na Ronda da Muralla, se ben poderanse realizar cortes puntuais por un período de tempo reducido.
Núñez cualificou estas obras como unhas actuacións importantes para Lugo á vez que complexas, pois as actuais placas de formigón están gretadas, o que provoca afundimentos. Neste senso, o Concelleiro avanzou que se disporá dunha nova capa de formigón, que deberá fraguar durante tres días, para o seu posterior asfaltado, que deberá ser continuo nos tres tramos.
Núñez, quen é consciente das molestias que poden causar as obras aos usuarios, agradeceu a colaboración dos veciños e veciñas e recomendou usar vías alternativas. “Con estas obras melloraremos a principal arteria de comunicación da cidade, a Ronda da Muralla, o que redundará nun incremento da seguridade e na mellora da propia imaxe de Lugo”, subliñou o edil.