A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañou na última etapa do Camiño de Santiago á estrela europea do baloncesto, Juan Antonio Corbalán, que percorreu seis etapas do Camiño Primitivo no marco da segunda edición de ‘O Camiño acaba no Obradoiro’.
Esta iniciativa do Rio Natura Monbus Obradoiro ten un dobre obxectivo: recadar fondos para fins solidarios e contribuír na promoción internacional do Camiño de Santiago.
Nesta segunda edición, os beneficios xerados irán para a Fundación Heracles, que fomentando a práctica deportiva creará a “Bolsa Corbalán” para outorgar financiamento a mozos e que poidan xogar nas categorías base do club.
En declaracións aos medios, a directora de Turismo de Galicia destacou que o proxecto constitúe unha magnífica iniciativa, que comparte os valores do Camiño de Santiago e do fenómeno xacobeo cos do deporte e a solidariedade.
Nava Castro agradeceu ao Rio Natura Monbus Obradoiro “esta fantástica iniciativa que está a contribuír na promoción internacional do principal recurso turístico e cultural de Galicia”.
Así mesmo, a responsable de Turismo da Xunta sinalou que neste ano o Camiño de Santiago está a incrementar o seus peregrinos en máis dun 28%.