Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), no pasado mes de febreiro Galicia rexistrou un crecemento no volume de viaxeiros aloxados nos seus establecementos hoteleiros galegos do 11,8% superando os 172.000. A nosa comunidade incrementou tamén as pernoitas rexistradas no segundo mes do ano nun 13,9% neste caso ata acadar máis de 315.000 neste pasado mes.
É o terceiro ano consecutivo no que Galicia rexistra unha mellora dos seus niveis de demanda hoteleira no mes de febreiro acadando neste ano as cifras máis elevadas dos últimos sete anos no que se refire aos viaxeiros e dos últimos seis anos en canto ás pernoitas.
A nivel estatal rexistrouse tamén un comportamento positivo da demanda hoteleira, con melloras do 12,4% no relativo tanto á cifra de viaxeiros aloxados como ás pernoitas. En termos de mercado, o turismo interno –aquel representado polos residentes en Galicia- superou nun 1,5% a súa cifra de viaxeiros aloxados.
Pola súa parte, o turismo nacional –aquel conformado polo españois procedentes doutras comunidades autónomas- incrementou no pasado mes de febreiro a súa cifra de viaxeiros nun 23,4% e as súas pernoitas nun 34,1% acadando, con máis de 152.000, o nivel máis elevado desde febreiro de 2008.
En canto ao turismo internacional, a nosa comunidade incrementou neste segundo mes do ano nun 12,6% os seus viaxeiros e nun 4,8% as súas pernoitas. Este mercado representou no pasado mes de febreiro o 14% do total das pernoitas hoteleiras rexistradas na nosa comunidade.
A nivel territorial a nosa comunidade rexistrou un comportamento positivo da demanda hoteleira en todas as provincias galegas. A Coruña e Pontevedra rexistraron os incrementos máis destacados, superando nun 14,6% e 16,1% respectivamente os niveis de demanda do pasado ano. Lugo amosou tamén unha dinámica importante, cunha suba do 12,6%. Pola súa parte, Ourense rexistrou un crecemento do 7,0% neste caso.
A estadía e os niveis de ocupación nos hoteis e pensións de Galicia melloraron tamén neste segundo mes do ano nun 2% e 1,9 puntos porcentuais respectivamente. Así mesmo, Galicia incrementou as súas tarifas hoteleiras no segundo mes do ano, nun 8,2%, o que levou a unha suba dos niveis de rendibilidade en relación ao mesmo período de 2015 incrementándose o RevPAR nun 18,7%.