Segundo os datos que acaba de publicar o Instituto Nacional de Estatística (INE), no pasado mes de febreiro Galicia rexistrou un incremento do seu volume de viaxeiros aloxados nos establecementos regrados do 12,3%, ata situarse en 184.270. Así mesmo, subiron tamén no pasado mes as pernoitas nun 14,2%, contabilizándose preto de 340.000 no conxunto da comunidade.
Deste xeito, Galicia acadou no pasado mes o nivel de viaxeiros aloxados nun mes de febreiro máis elevado desde o 2009 e o a cifra de pernoitas máis alta dos últimos seis anos. A nivel estatal observouse un crecemento xeneralizado dos niveis da demanda turística regrada, do 12,9% no relativo á cifra de viaxeiros aloxados e do 12,2% no que atinxe ás pernoitas.
No que se refire aos dous grandes segmentos de mercado, neste mes de febreiro, Galicia rexistrou un comportamento homoxéneo, tanto o nacional coma o internacional contribuíron aos bos resultados acadados neste mes.
Subiu o turismo nacional, nun 15,6%, consecuencia esencialmente do crecemento da cifra de viaxeiros españois aloxados nos establecementos regrados de Galicia, do 12,1%, neste caso. Pola súa parte, o turismo internacional incrementou nun 13,8% o volume da súa cifra de viaxeiros e nun 6,3% as súas pernoitas.