Con-fío en Galicia ofrece un percorrido por un sector estratéxico da economía galega, constituído por 300 empresas que dan emprego a unhas 13.000 persoas e que representan o 6,5% da riqueza da Comunidade. A exposición está composta por uns 150 looks singulares da moda galega, reinterpretacións contemporáneas de indumentarias históricas, valiosas coleccións privadas e unha ampla selección de material fotográfico e audiovisual, que guían ao visitante polos fitos máis destacados da historia téxtil galega.
Turismo de Santiago e a Fundación Cidade da Cultura veñen de asinar un acordo para promocionar de xeito conxunto a exposición Con-fío en Galiciadurante esta Semana Santa. Mediante o acordo, a entidade municipal cede o uso dun espazo diferenciado á Fundación Cidade da Cultura na súa Oficina de Información Turística para que poida informar sobre a mostra aos centos de turistas e visitantes que pasan cada día pola oficina da rúa do Vilar durante estas datas. A exposición pode visitarse de balde ata o 11 de setembro, de martes a domingo, no Museo Centro Gaiás.
Comisariada polo historiador Miguel Anxo Seixas Seoane, a mostra pon o foco en momentos centrais do sector téxtil galego: a eclosión que se viviu nos anos oitenta en Galicia coa coñecida "La arruga es bella", de Adolfo Domínguez; as creacións de Roberto Verino, Antonio Pernas ou o grupo Galicia Moda (Gene Cabaleiro, Florentino, Caramelo, María Moreira, María Mariño…); e o fenómeno Inditex, que hoxe é o primeiro grupo téxtil do mundo. Xunto a eles poden atoparse destacados valores do deseño actual como Sara Coleman, Eva Soto ou José Castro, que visten a iconas como Lady Gaga ou as protagonistas deSexo en Nueva York.