depourense.es |
O Polígono de San Cibrao das Viñas continúa a celebrar os seus 50 anos de vida cun variado programa de actividades para os días 1 e 2 de abril en Expourense entre o que se atopa unha mostra inédita "O Polígono nunca visto" e unha exhibición de procesos produtivos "Así se fai".
No acto de presentación das actividades na Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas, estivo presente o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; a delegada da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz Mouteira; o alcalde de San Cibrao das Viñas, Manuel Pedro Fernández; e o presidente da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, Elías Mera.
Durante a presentación Manuel Baltar destacou a importancia que ten nestes tempos a "cooperación público-privada" e sinalou que "o Polígono ten un apoio institucional clave e, non podería ser de outra maneira, porque estamos a falar dun motor económico como ningún, non só na provincia senón de Galicia".
"O Polígono nunca visto", reúne e exhibe a creatividade de 70 empresas expositoras punteiras, que promocionarán os seus produtos actuais e darán vida de novo aos seus produtos históricos. Nos diferentes stands estarán representados sectores tan característicos do Polígono como a madeira, o conxelado, a automoción, a aeronáutica, os transportes, o medio ambiente, a alimentación e a enxeñería, entre outros. Todos os expositores teñen como nexo común fixar a súa sede no parque empresarial pioneiro en Galicia.
En canto a actividade "Así se fai" transformará a Expourense nunha diversificada fábrica de produtos ourensáns que aínda son grandes descoñecidos para unha maioría de ourensáns. Por medio de demostracións en directo, o público asistirá á fabricación de pezas para avións ou de compoñente para a automoción, á transformación dunha carrozaría nun vehículo especial, á elaboración de alimentos, e incluso á recuperación do mítico "Alpinche" de Estanislao Reverter.
Ademais destas actividades, a programación para o día 1 de abril inclúe encontros "Speed Networking", sesións rápidas de intercambio empresarial, nas que intervirán representantes dunhas 250 empresas procedentes de toda Galicia e do norte de Portugal. Tamén terá lugar unha mesa redonda que baixo o título "A Universidade de Vigo e o Polígono de San Cibrao" abordará asuntos como: as profesións máis demandadas na provincia, os perfís máis buscados polas empresas que contan con departamentos I+D+i, a visión laboral dende a vertente da oferta e da demanda, dirixidos estes relatorios á orientación laboral, a transferencia do coñecemento e a conexión entre plans de estudo e necesidades reais das empresas ourensás. A esta actividade poderán asistir estudantes e público en xeral.
A programación prevista para o 2 de abril, ademais de "Así se fai", abrangue tres foros, un sobre emprego, outro sobre prevención de riscos laborais, e un terceiro sobre emprendemento.