Proxecto piloto para deseñar un plano guía do Museo de Pontevedra

O Museo de Pontevedra vén de poñer en marcha un proxecto piloto para deseñar un plano guía funcional e operativo das salas visitables do Sexto e do Edificio Sarmiento. Trátase dunha iniciativa participativa que demanda a implicación das persoas que acceden ao Museo nunha visita ordinaria e que non coñecen o edificio. 

Deste xeito, ofréceselles usar un plano guía provisional que deben usar no seu percorrido polos dous edificios e, ao finalizar a visita, indicar o nivel de operatividade que lles ofreceu o documento e, no caso de que proceda, sinalar en que punto ou puntos tiveron dificultades de orientación ou comprensión. 

Polo momento, tan só se levan realizado pouco máis dunha vintena de enquisas, se ben a gran maioría, un 73%, indicou que o documento é bastante ou moi claro. Co incremento de visitantes que se soe producir durante o período de Semana Santa, desde o Museo espérase avanzar considerablemente neste proxecto piloto, e poder contar en breve co plano guía definitivo. 

Polo momento, estanse a usar versións en galego e en español, se ben está previsto que cando se elabore o documento definitivo se amplíe a unha versión en inglés e non se descartan incluír outros idiomas. O proxecto piloto céntrase en proporcionar unha orientación clara ao visitante polos diferentes andares destes dous edificios, partindo do principio básico de sinalar cada andar cunha cor que se corresponde coa que se lle asigna na señalética da sala.