Este mes de marzo, o turismo galego estará presente en Brasil na feira
World Travel Latin America que se celebrará do 29 ao 31 de marzo en São Paulo.
Esta será a segunda vez que Turismo de Galicia participe neste certame
profesional que este ano celebra a súa terceira edición, no marco do encontro
anual da Asociación Brasileira de Operadoras de Turismo (BRAZTOA).
Nesta nova edición da World Travel Latin America, o departamento de
Turismo da Xunta contará cun espazo propio para a promoción do turismo galego e
para manter reunións cos profesionais interesados na oferta turística galega.
Por outra banda, Xunta de Galicia promoveu a oferta
turística galega xeral e o Camiño de Santiago na 23 edición do certame
turístico Moscow International Exhibition Travel & Tourism (MITT), celebrado estes días na capital de rusa.
Esta feira constitúe o evento sectorial de turismo máis importante dos
que teñen lugar en Rusia e está aberta tanto aos profesionais como a público
xeral.
Turismo de Galicia participa este ano cun módulo de promoción dentro do espazo
destinado a España e que nesta ocasión está coordinado pola Oficina de Turismo
de España na capital rusa.
Esta é a quinta vez que Galicia participa nesta feira, onde se están a
consolidar os contactos iniciados cos operadores turísticos rusos en anteriores
edicións e se abren novas canles con outros empresarios de turismo rusos e
outros mercados satélites.