A Deputación da Coruña ven de adxudicar o programas de limpeza de praias 2016 aos concellos da provincia, dotado cun orzamento de 900.000 euros. A asignación provisional correspondente a cada un dos 41 municipios publicarase este mércores no Boletín Oficial da Provincia.
A finalidade do mesmo é apoiar aos concellos coruñeses no sostemento dos gastos de contratación do persoal que se encargará da limpeza dos areais da provincia durante a tempada estival. Ademáis de contribuir á mellora da imaxe das máis de 360 praias coruñesas de cara á tempada estival, este programa axudará tamén á creación de emprego durante os meses de verán, xa que ao cargo deste programa e do de socorristas das praias fluviais e piscinas municipais contratáronse o pasado ano preto de 300 persoas.
A subvención para a creación destas brigadas de limpeza ten unha duración máxima de tres meses, polo que os contratos deberán estar comprendidos entre o 1 de maio e o 31 de outubro de 2016.
A Deputación aplicou criterios obxectivos para a baremación das solicitudes, en función da superficie total das praias existentes en cada termo municipal, segundo os datos facilitados polo Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Marino, e da poboación oficial do concello, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística.
A superficie das praias valorarouse cun máximo de 70 puntos (para aqueles concellos que teñan máis de 400.000 metros de superficie de praias), mentres que a poboación do municipio supuxo ata 30 puntos na valoración.
Ademáis, a Deputación destinará este verán 300.000 euros para financiar a contratación de socorristas nas piscinas municipais e praias fluviais dos concellos do interior da provincia con menos de 50.000 habitantes.
O importe máximo que poderá percibir cada concello neste programa será de 6.500 € e o mínimo de 2.500 € e o período máximo de contratación será tamén de tres meses. Os criterios de baremación deste programa serán a superficie total das piscinas municipais (ata 70 puntos) e a poboación do concello (ata 30 puntos). As asignacións por municipios publicaranse próximamente no Boletín Oficial da Provincia.