O Diario Oficial de Galicia acaba de publicar a resolución pola que se convocan os Premios Camiño de Santiago 2016 e apróbanse as bases reguladoras para a concesión dos mesmos, para os cales Turismo de Galicia achega un total de 75.000 euros. O prazo de presentación de candidaturas é dun mes contado a
partir do día seguinte ao da publicación no DOG.
Estes galardóns promoven a excelencia na
atención ao peregrino e a axeitada xestión dos recursos ligados ao Camiño de
Santiago mediante a distinción daquelas iniciativas públicas e privadas que se
desenvolvan en Galicia e se destinen a conservar, mellorar e embelecer a
contorna das distintas rutas xacobeas; a crear novos servizos aos peregrinos ou
innovar e mellorar os existentes e a divulgar e promover o Camiño de Santiago, a
cultura xacobea, o seu patrimonio e a súa conservación.
Poderán participar concellos, agrupacións de
concellos, mancomunidades de concellos, consorcios locais e áreas
metropolitanas ou outras entidades locais de Galicia polos que discorra algunha
ruta do Camiño de Santiago.
Concederanse un total de 8 distincións entre
as catro categorías convocadas. Nas categorías primeira, segunda e terceira
establécese, para cada unha, un primeiro premio de 15.000 euros e un segundo
premio de 5.000 euros. Na cuarta categoría, achéganse 10.000 euros para a
modalidade de investigación e 5.000 euros para traballos en centros educativos
de primaria e secundaria.