A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou esta mañá o Primeiro Foro Gastronómico do Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG), o Gastrofórum 2016, que se celebrará o vindeiro mes de maio.
Nava Castro subliñou a importancia desta primeira edición lembrando que a gastronomía é un importante reclamo turístico para Galicia xa que é o segundo motivo polo que os turistas escollen a nosa Comunidade, despois dos recursos naturais.
Ademais, explicou que en Galicia a importancia do turismo gastronómico queda patente nos máis de 5.300 restaurantes -moitos deles con importantes galardóns de carácter nacional e internacional: 59 son Q de Calidade Turística, 13 contan con Estrelas Michelin e 26 restaurantes suman 37 Soles Repsol- e nas máis de 300 festas gastronómicas -52 delas de interese turístico nacional ou galego-.