Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), no pasado mes de marzo Galicia rexistrou un crecemento no volume de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros do 20,7% acadando os 258.997.
A nosa comunidade incrementou tamén as pernoitas rexistradas no terceiro mes do ano nun 21,6% neste caso ata acadar preto de 490.000. É o segundo ano consecutivo no que Galicia rexistra unha mellora dos seus niveis de demanda hoteleira no mes de marzo acadando neste ano as cifras máis elevadas dos últimos oito anos.
A nivel estatal rexistrouse tamén un comportamento positivo da demanda hoteleira, con melloras do 16,8% no relativo á cifra de viaxeiros aloxados e do 17,6% no que se refire as pernoitas. En termos de mercado, o turismo interno —aquel representado polos residentes en Galicia— superou nun 20,1% a súa cifra de viaxeiros aloxados acadando máis de 95.300, un máximo histórico neste terceiro mes do ano.
Pola súa parte, o turismo nacional –aquel conformado polo españois procedentes doutras comunidades autónomas- incrementou no pasado mes de marzo a súa cifra de viaxeiros nun 24,1% e as súas pernoitas nun 33,4%, acadando este mercado os niveis máis elevados desde o 2008 tanto en viaxeiros aloxados coma en pernoitas.
En canto ao turismo internacional, a nosa comunidade incrementou neste terceiro mes do ano nun 12,7% os seus viaxeiros e nun 7,6% as súas pernoitas. Deste xeito, este mercado rexistrou no pasado mes de marzo un máximo histórico de viaxeiros aloxados con preto de 41.600 no conxunto da comunidade.