Segundo os datos que acaba de publicar o Instituto Nacional de Estatística (INE), no pasado mes de marzo Galicia rexistrou un incremento do seu volume de viaxeiros aloxados nos establecementos regrados do 22,7%, ata situarse preto dos 282.000. Así mesmo, subiron tamén no pasado mes as pernoitas nun 26,7%, neste caso, contabilizándose preto de 545.000 no conxunto da comunidade.
Grazas a estes incrementos Galicia superou novamente o nivel do medio millón de noites desde o ano 2010 acadando o volume máis elevado dos últimos oito anos. En termos de viaxeiros aloxados, rexistrouse neste ano o dato máis elevado desde o 2008 nun mes de marzo.
Subiu o turismo nacional, nun 29,9%, consecuencia esencialmente do crecemento da cifra de viaxeiros españois aloxados nos establecementos regrados de Galicia, do 24,1%, neste caso. Pola súa parte, o turismo internacional incrementou nun 15,8% o volume da súa cifra de viaxeiros e nun 10,2% as súas pernoitas.
No primeiro trimestre do ano, Galicia superou a cifra dos 620.000 viaxeiros, o que supón un incremento do 16,5% con respecto ao mesmo período do pasado ano. O número de pernoitas incrementouse tamén, nun 18,0% neste caso, acadando a nosa comunidade máis de 1,16 millón de noites.
Estes incrementos permitiron que a nosa comunidade superase por vez primeira dende 2010 o nivel do millón de pernoitas nos tres primeiros meses dos anos e acadase o dato de viaxeiros máis elevado dende o 2008.