O I Festival Costa dos Castros de folk, que se celebrará do 17 ao 18 de xuño en Oia, non é un festival musical sen máis, senón que tamén permitirá a promoción e coñecemento da contorna oiense, así como outras cuestións relacionadas có patrimonio histórico, en especial a cultura castrexa, o desenvolvemento sostible, a artesanía, a diversidade social e a cultura tradicional galega.
Todo dende unha perspectiva cooperativista e comunitaria. Cantos de taberna, concertos ao vivo, foliadas, obradoiros e mostras, mercadiño, andainas, charlas e xogos populares. Un conxunto de actividades que pretenden ofrecer unha programación de calidade, variada e para todo tipo de público, pensado para o desfrute da xente local así como para novos visitantes do lugar.
Este proxecto supón a colaboración do Concello de Oia coa Asociación Minho Reggae, así como tamén as diferentes Comunidades de Montes, asociacións folclóricas e sociais e empresas e hostalería da zona.