A “Xuntanza Internacional de Gaiteiros” vén de ser declarada Festa de Interese Turístico de Galicia pola Xunta de Galicia. A presentación desta declaración tivo lugar no Pazo Provincial da Deputación de Ourense.
A singularidade desta festa vén dada tanto polo lugar onde se celebra, así como por ser o único festival monográfico sobre as gaitas do mundo, tanto no ámbito galego coma estatal. Este evento cultural celébrase dende o ano 1986 con carácter itinerante, celebrándose en distintas localidades da provincia de Ourense, ata o ano 2007 que se establece como sede permanente o Castelo de Monterrei.
O alcalde de Monterrei agradeceu á Deputación de Ourense, que a través da Escola Provincial de Gaitas, “celebre esta Xuntanza Internacional de Gaiteiros de maneira permanente desde o ano 2007 no Concello de Monterrei”,e tamén tivo palabras de agradecemento para “o mestre Xosé Lois Foxo por ser o precursor da idea desta declaración”.