Durante a Comisión Executiva do Consorcio de Santiago, presidida polo alcalde da cidade e presidente do organismo interadministrativo, Martiño Noriega, aprobouse a convocatoria de axudas do Programa Localízate, dirixido á mellora da accesibilidade e da eficiencia enerxética, á mellora da imaxe exterior e ao acondicionamento interior dos locais comerciais da cidade histórica de Santiago.
O Consorcio destinará este ano a este programa un total de 100.000 euros. Estas subvencións enfócanse á realización de obras que melloren a accesibilidade, que favorezan a redución do consumo enerxético (o que afecta ás instalacións de iluminación, electricidade e acondicionamento de aire), mellora da imaxe externa, obras de mellora do interior, acondicionamento acústico e tamén se subvencionan os honorarios de redacción do proxecto e dirección técnica da obra.
O orzamento mínimo será de 3.000 euros e o máximo de 30.000 €. A subvención acadará o 40% do orzamento aceptado.
En canto á avaliación das solicitudes, darase preferencia á apertura de novos locais actualmente sen uso. Respecto á actividade da empresa, valorarase a súa repercusión no desenvolvemento do tecido económico local. Tamén se primará a mellora da accesibilidade do local, a redución do consumo enerxético e a mellora da súa imaxe exterior.