Ao longo dos seus catro días a decimoterceira edición do Festival de Cans congregou unhas 11.000 persoas que desfiaron á chuvia para gozar da programación do festival. Sigue quedando patente deste xeito a existencia dun público fiel, local e foráneo e moi diverso, con idades de 0 a 80 anos.
Entre toda a programación cómpre destacar o grande éxito que acadou o concerto de Iván Ferreiro na nova Leira de Alicia-Espazo Mahou. A zona foi escenario do primeiro “Dálle caña!”, un coloquio cun formato informal no que os curtametraxistas da sección oficial a concurso presentaron as súas producións ante o público e debateron sobre a aventura de iniciarse no audiovisual. Na Leira de Alicia-Espazo Mahou tamén se desenvolveu o noso habitual Coloquio na Leira, no que nesta ocasión Emma Lustres e Dani de la Torre conversaron sobre: El desconocido e adiantaron ante as 400 persoas asistentes detalles sobre os seus futuros proxectos.
Consolídanse a nosa sección MiniCans e o Parque do río, un espazo pensado para os máis pequenos, no Cans do Futuro pasaron preto de 1.000 escolares e estudantes de escolas de audiovisual.
Nesta 13ª edición continuouse coa colocación dos chimpíns no Muro dos Chimpíns, ea veciña Fermina “do Pouso” -que se converteu con 91 anos na integrante de maior idade de toda a historia do xurado do festival- e amosouse o documental “Ponme a última!”, levado a cabo por veciños e veciñas da parroquia.
Todas as proxeccións de longametraxes lograron encher as salas, destacando especialmente a estrea de Psiconautas e o pase “rebobinado” de El Desconocido, no que o director Dani de la Torre e os dous gañadores dos premios Goya do filme -Jorge Coira, mellor montaxe e David Machado, mellor son- estiveron presentes para comentala. As seccións A que andas? e Fill@s de Cans continúan a darnos os mellores adiantos do que está a pasar no noso audiovisual, á que se lles sumou este ano Retratos de familia, na que os realizadores e realizadoras amosaron o lado máis íntimo e familiar das súas creacións.
Os concertos de Delafe, Novedades Carminha e Os Diplomáticos de Monte Alto foron multitudinarios e a climatoloxía non puido conter as ganas de bailar e cantar que tiñan os asistentes. O público tamén respondeu en todas as actividades dos espazos de programación paralela do festival: o Jalpón de Alicia, o Cans Voulevar, a Sala Multiusos, a nova Cociña da señora Esther -na que Javier Olleros preparou un exquisito caldo para degustación dos presentes- ou o marabilloso espectáculo de Mercedes Peón e Janet Novás a carón do Jaliñeiro, que conseguiu emocionar e facer vibrar a todos os asistentes calificándoo como un dos mellores desta edición e sendo un dos máis comentados nas redes sociais.
Curtas gañadoras na Sala Ingrávida
Todas as curtametraxes gañadoras desta edición do festival proxectaranse o próximo venres 27 de maio ás 22h00 na Sala Ingrávida por un prezo de 4€. Os asistentes poderán ver: Ladrones de tiempo, Viaje a pies, A liña Política, Share o no share e Lurna.