
Nesta 15ª edición do Arde Lvcvs haberá unhas 400 actividades diferentes dirixidas a todos os públicos, entre as organizadas polo Concello e as asociacións, das que medio cento son totalmente novas. “O Arde Lvcvs é unha festa dinámica, viva e en constante renovación, por iso cada ano introducimos novidades”, subliñou a rexedora.
Entre estas novidades destaca o Convivium -unha comida de confraternidade romana-, o musical Hércules, a evocación do nacemento destes festexos, que conmemoran o 15 aniversario do Arde Lucus, un desafío entre titáns, novidosos espectáculos de pirotecnia como O carro de Baco e a proxección dun vídeo en realidade aumentada, entre outros. Numerosas actividades contarán cun intérprete de signos.
Lara Méndez tamén lembrou que se manteñen actividades de gran éxito, como é o Circo Romano, que reúne a máis de 6.000 persoas en cada edición, e diferentes actuacións teatrais de todas as compañías de teatro na rúa. As entradas poranse á venda a vindeira semana en www.entradaslugo.es e no Centro de Interpretación da Muralla por un prezo de 2 euros.