A Escola de Turismo Itinerante desprazouse
esta semana ata Cee e ata Santiago de Compostela para impartir varias
actividades de formación aos profesionais hostaleiros da zona. Os cursos, a
cargo de persoal do Centro Superior de Hostalería de Galicia, abordaron a
atención ao peregrino, tanto de xeito presencial á súa chegada ao
establecemento como a través das redes sociais.
Asistiron máis de 50 profesionais de albergues
e aloxamentos do Camiño, dende recepcionistas ata propietarios, aos que se lles
explicou a carta de servizos dos locais e a forma de responder comentarios e
solicitudes de información nas redes sociais, entre outras cuestións, relativas
á boa atención ao peregrino.
O curso afondou na necesidade de que os
profesionais poñan especial interese en coñecer ao cliente e saber que
necesidades ten para poder elaborar unha carta de servizos, así como a
importancia de ofrecer ao peregrino unha información útil e completa. Neste
sentido, presentouse aos asistentes o proxecto Smart Camiño, co que Turismo de Galicia puxo recentemente en marcha
a páxina web www.caminodesantiago.gal co obxectivo de que o visitante teña unha
ampla e correcta información sobre o Camiño e os servizos e ofertas
complementarias tanto antes, como durante e despois de iniciar a viaxe.