Cartel 2015 |
Este martes 31 de maio remata o prazo para que os interesados en participar no concurso de deseño gráfico do cartel do San Froilán 2016 e a súa versión infantil, San Froilán Miúdo 2016, poidan presentar as súas propostas. Así o lembrou a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, quen fixo fincapé en que os deseños deben contribuir a ensalzar a cidade de Lugo e as súas festas patronais, así como a cidade no seu conxunto. Nos deseños deberán figurar, de xeito obrigatorio, os seguintes aspectos: Lugo, San Froilán 2016, Festa de Interese Turístico Galego e Festa de Interese Turístico Nacional, así como as datas de celebración, do 4 ao 12 de outubro, e a imaxe corporativa do concello.
Todos os interesados poden presentar aínda os seus traballos na Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, na Praza Maior, ou por enderezo postal, en formato dixital JPG, cunhas dimensións de 50x70 centímetros e con 72ppp de resolución, en soporte cd ou lapis de memoria. Ademais, poderanse enviar tamén por enderezo electrónico a cultura@concellodelugo.org, indicando no asunto Cartel San Froilán 2016. Non obstante, se algún participante o desexa e para unha mellor valoración da súa proposta, tamén pode entregar o cartel montado sobre cartón pluma de 5 ou 10 mm e a un tamaño de 50x70 centímetros.
Os traballos serán presentados de forma anónima, con lema, acompañando un sobre co mesmo lema no exterior, e dentro os datos persoais do participante. Se presentan o cartel dixitalmente, estes datos virán nun documento aparte. Un xurado cualificado será o encargado de escoller a obra que represente esta festa, que será premiada cun importe de 2.000 euros.