Turismo de Galicia pon en marcha o seu VI Circuíto de Golf Sénior, que disputará a fase de clasificación nos campos de golf de diversos puntos de España para promocionar Galicia como destino na práctica deste deporte. A competición, que se inicia en Madrid, celebrará a súa final no mes de outubro no Balneario de Mondariz. O evento conta coa colaboración da asociación Galicia Destino Golf, que representa ao sector empresarial do turismo de golf na Comunidade.
Este torneo xa é un evento de referencia a nivel nacional grazas ás cinco edicións anteriores, celebradas dende 2011, o que contribuíu a posicionar Galicia como destino de golf e, concretamente, entre o público sénior, maior de 50 anos. Neste sentido, o obxectivo de Turismo de Galicia é atraer a Galicia a este turista, que dispón de tempo e recursos, e poñer á súa disposición unha oferta de calidade non só en torno a este deporte, senón tamén en canto ao termalismo e á enogastronomía.
A fase clasificatoria do Circuítocomeza este martes en Madrid no campo do Club Jarame RACE e finalizará o 7 de xullo en Asturias, no Real Club de Golf La Barganiza. Entre estas dúas datas, o evento tamén se xogará no Alta Golf Club da Rioxa, o 8 de xuño, no Club de Campo Señorío de Zuasti de Navarra, o 23 dese mes, e no Real Nuevo Club San Sebastián Basozabal, o día 29. A final terá lugar en Galicia, no campo de golf Balneario de Mondariz, os días 10 e 11 de outubro.