O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou o lanzamento dunha orde de axudas para plantar castiñeiros para froito nunha superficie de entre 1.000 e 1.200 hectáreas. “Estamos a darlle o maior impulso da nosa historia á plantación de castiñeiros”, afirmou. Conta cun orzamento de 2,6 millóns de euros, cofinanciados con fondos Feader.
As axudas poderán pedirse ata un mes a partir deste luns, cando esta convocatoria se publicará no DOG, e cubrirán investimentos feitos ata o 15 de decembro deste ano. Poderán orientarse a cubrir tres tipos de gastos: os derivados da plantación do souto, como o tratamento da vexetación preexistente, a preparación previa do terreo e a adquisición da planta; os investimentos no coidado, mantemento e enxertado das árbores e as infraestruturas de acompañamento e obras complementarias.
Feijóo citou as principais novidades desta convocatoria de axudas con respecto á anterior: eliminouse o criterio de pendente máxima, diminuíu a superficie mínima e eliminouse a superficie máxima do terreo e ampliouse o ámbito xeográfico a toda Galicia. “Darase prioridade ás actuacións no ámbito da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia e nas zonas de montaña”, indicou.
Con carácter xeral, as axudas serán dun mínimo de 300 euros e un máximo de 2.200 euros por hectárea. Dependerán da densidade da plantación (a maior densidade, maior axuda) e de se o castiñeiro é enxertado ou non (primaranse as árbores enxertadas). A superficie mínima para particulares é de media hectárea, pero o presidente indicou que “varios propietarios poderán unirse para alcanzar esa superficie en parcelas contiguas”. Esta superficie mínima elevarase a dúas hectáreas no caso das comunidades de montes. Respecto aos complementos para pechar as plantacións, oscilarán entre os 280 e os 7.000 euros por quilómetro.