Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) recentemente publicados, e seguindo a información oficial da Xunta de Galicia, nos cinco primeiros meses deste ano 2016 Galicia rexistrou un incremento da súa cifra de viaxeiros aloxados do 5,8% en relación ao mesmo período do pasado ano, rexistrando un total de 1.241.384. A nosa comunidade mellorou tamén as pernoitas dos seus establecementos hoteleiros nun 5,6%, neste caso, superando a cifra das 2,2 millóns.
É o terceiro ano consecutivo no que Galicia rexistra unha mellora dos seus niveis de demanda hoteleira nos cinco primeiros meses do ano acadando neste 2016 a nosa comunidade un máximo histórico de viaxeiros neste período e a cifra de pernoitas máis elevada desde 2010.
A nivel estatal rexistrouse tamén unha mellora dos niveis de demanda hoteleira, do 7,9% no relativo á cifra de viaxeiros aloxados e do 9,5% no que atinxe ás pernoitas.
En termos de mercado, o turismo interno rexistrou un incremento do 1,7% nas súas pernoitas e do 6,5% na súa cifra de viaxeiros aloxados. Grazas a este crecemento o mercado interno acadou nestes cinco primeiros meses do ano a cifra de pernoitas máis elevada dos últimos catro anos con preto de 700.000.
No que se refire ao turismo receptor nacional, Galicia incrementou as súas pernoitas nun 8,2% e os seus viaxeiros nun 6,0% aproximándose por primeira vez dende 2010 ao nivel do millón de pernoitas.
Pola súa parte, o turismo internacional superou nun 6,4% pernoitas e nun 4,8% os viaxeiros rexistrados neste período no pasado ano. Estes incrementos sitúan os niveis de demanda en máis de 325.000 viaxeiros e preto de 520.000 pernoitas, cifras que supoñen un máximo histórico en Galicia neste período de cinco meses.