Portomarín acada o status de Municipio Turístico

O Consello da Xunta aprobo o proxecto de acordo polo que se declara Municipio Turístico o concello de Portomarín. Neste concello da provincia de Lugo, que limita con Guntín, O Páramo, Paradela, Taboada e Monterroso, a actividade turística ten gran relevancia, segundo o proxecto aprobado pola Xunta.

Portomarín conta con numerosos recursos de atracción turística entre os que destacan o Camiño de Santiago, a Feira Mensual, a Feira da Augardente, a Festa do Ramallo, os Domingos Folclóricos, a Festa do Cristo, a Festa dos Caneiros, a Ruta BBT da Anguía e Carreira Popular, entre outros. Todos eles xeran unha cantidade de visitantes superior á súa poboación en máis de cinco veces.

Outros elementos valorados para aprobar a declaración de Portomarín como Municipio Turístico foron o feito de que estea incluído no Plan de dinamización turística da Ribeira Sacra, un consorcio de turismo cuxo obxectivo é o desenvolvemento do destino; o aproveitamento do transcurso do Camiño Francés polo concello para a atracción de visitantes; a situación do municipio nun cruzamento entre dúas rutas de

sendeirismo que transcorren por zonas de interese natural; o cumprimento óptimo da normativa sectorial de accesibilidade; e a existencia de materiais promocionais e paneis informativos que facilitan o acceso aos principais recursos turísticos así como a situación da oficina de información turística na mesma Praza Maior da vila.