A directora de Turismo de Galicia, Nava
Castro, recolleu un galardón concedido na V Edición dos Premios do turismo de La Razón á aplicación móbil e á páxina
web sobre Camiño de Santiago, que a Xunta de Galicia puxo en marcha a través do
proxecto Smart Turismo, dotado con 10 millóns de euros para estender con
horizonte 2020 as novas tecnoloxías ao sector turístico.
O Plan Smart Turismo establece a creación
dunha plataforma tecnolóxica para modernizar as infraestruturas para a xestión
do turismo en Galicia. Así mesmo, establece mecanismos estables de comunicación
e colaboración co sector, axuda a cumprir os obxectivos en canto á promoción e
comercialización do produto turístico e facilita a análise e toma de decisións
por parte dos xestores.
Deste xeito, as actuacións do Plan
estrutúranse en torno a catro eixos estratéxicos: a modernización das
infraestruturas tecnolóxicas de turismo galego; a promoción, comercialización e
fidelización dos viaxeiros; o fomento da innovación, coordinación e colaboración
público-privada; e a potenciación do Camiño de Santiago a través da liña Smart
Camiño.
O Smart Camiño susténtase sobre unha
plataforma tecnolóxica aberta que permite capturar, ordenar e categorizar datos
en tempo real de múltiples ámbitos: parámetros de temperatura, humidade,
exposición solar, fluxos de visitantes e eventos, ofertas comerciais, alertas
ou avisos, entre outros.
A explotación destes datos permite desenvolver
servizos web avanzados como o Director Comercial Virtual e Marketplace, que
integra os servizos de información e comercialización para o peregrino de cara
a ofrecer a máxima dispoñibilidade e o produto axeitado en función do seu
perfil e contexto e informa en tempo real aos diferentes usuarios sobre
información relevante para eles.
Así mesmo, o Smart Camiño proporciona aos
usuarios aplicacións en mobilidade e navegación por mapa para acceder a
contornos de visualización avanzada do territorio en 2D e 3D sobre o que se
despregan diferentes servizos interactivos. Outra das melloras é a obtención da
Compostela a través de medios dixitais, así como o rexistro electrónico nos
distintos puntos do Camiño e aplicacións baseadas no uso de códigos QR para
identificar diferentes contidos. Ademais, contempla a conexión wifi nos albergues
públicos do Camiño de Santiago.